Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia
( DOG no 138, do 17 de xullo de 1992 )
PRESIDENCIA
PARLAMENTO DE GALICIA
Resolución do 25 de xullo de 1992 pola que se dispón a publicación do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia.
A Comisión permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas, en reunión celebrada o día 2 de xuño de 1992, aprobou o Regulamento de réxime interior do Consello de Contas, de conformidade co disposto nas normas sobre a súa tramitación, aprobadas pola Mesa do Parlamento, o día 31 de xaneiro de 1992 e publicadas conxuntamente co proxecto no BOPG nO 243, do 28 de febreiro de 1992.
En cumprimento do disposto nas devanditas normas, ordénase a súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 1992.
O PRESIDENTE
Victorino Núñez Rodríguez
REGULAMENTO DE RÉXIME INTERIOR DO CONSELLO DE CONTAS DE GALICIA
- TÍTULO I
Marco legal, competencias, ámbito de actuación e funcións
- Capítulo I: Marco legal e competencias.
- Capítulo II: Ámbito de actuación.
- Capítulo III: Funcións do Consello de Contas.
TÍTULO II
Organización e Funcionamento
- Capítulo I: Organización.
- Capítulo II: Funcionamento.
TÍTULO III
Garantías, normas procedementais para asegura-la rendición de contas
- Capítulo I: Deber de colaboración.
- Capítulo II: Fiscalización, memoria anual e axuizamento.
TÍTULO IV
Relacións do Consello de Contas co Parlamento. As Contas do Consello.Réxime económico e presupostario. Medios de constrinximento
- Capítulo I: Relacións do Consello de Contas co Parlamento.
- Capítulo II: As contas do Consello.
- Capítulo III: Réxime económico e presupostario.
- Capítulo IV: Medios de constrinximento.
TÍTULO I Marco legal, competencias, ámbito de actuación e funcións
CAPÍTULO I MARCO LEGAL E COMPETENCIAS
Artículo 1. Concepto e competencias.
- O Consello de Contas de Galicia é o órgano estatutario de fiscalización das contas e da xestión económico-financeira e contable do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Como órgano estatutario que emana do Parlamento de Galicia, exerce as súas funcións con plena independencia do poder político e sometemento á orde xurídica.
- No exercicio das súas competencias, así como das súas funcións en relación coa execución dos programas de ingresos e gastos do sector público autonómico, actuará de conformidade co establecido nas leis 6/1985, do 24 de xuño, e 4/1986, do 26 de decembro, e no presente regulamento.
CAPÍTULO II ÁMBITO DE ACTUACIÓN
Art. 2. Actuación.
- O Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización, poderá actuar de oficio ou a pedimento do Parlamento de Galicia.
- Igualmente, o Consello de Contas poderá actuar por delegación do Tribunal de Contas. Neste caso axustará a súa actuación ós termos nos que se produza a devandita delegación, seguindo as normas e os procedementos que rexen para o dito Tribunal, sen prexuízo de que se apliquen as que lle son propias de forma subsidiaria.
- Así mesmo, o Consello de Contas practicará cantas actuacións fiscalizadoras lle sexan delegadas polos órganos de control externo da Comunidade Económica Europea, de conformidade coa lexislación que fose aplicable.
Art. 3. Sector público da Comunidade Autónoma.
- Para os efectos expresados no artigo 1, compón o sector público da Comunidade Autónoma de Galicia:
- A Administración autonómica e os seus organismos autónomos.
- As entidades locais e os seus organismos autónomos, así como as empresas públicas dependentes das mesmas, no ámbito competencial das institucións de autogoberno.
- As empresas públicas, calquera que sexa a súa forma xurídica, dependentes da Administración autonómica.
- As cámaras agrarias, cámaras da propiedade urbana, cámaras de comercio, industria e navegación, confrarías de pescadores e outras de natureza equivalente ás que se refire o número 29 do artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia.
Art. 4. Funcións do Consello de Contas.
- Fiscalización. Correspóndelle ó Consello de Contas as seguintes funcións:
- Fiscaliza-la actividade económico-financeira do sector público de Galicia, velando para que se axuste ó ordenamento xurídico e ó principio de racionalidade, determinada por criterios de eficiencia e economía.
- Fiscaliza-las subvencións, os créditos e as axudas con cargo ós presupostos dos entes públicos, así como os avales e as exencións fiscais directas e persoais concedidas por aqueles entes, xa sexan percibidos por persoas físicas ou xurídicas.
- Fiscaliza-los contratos celebrados pola Administración autonómica e outros entes do sector público de Galicia nos casos en que así se estableza ou que o Consello de Contas o considere conveniente.
- Fiscaliza-la situación e as variacións do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e dos demais entes públicos galegos, así como as daquelas empresas nas que exista algunha modalidade de participación no seu capital por parte da Comunidade Autónoma.
- Fiscaliza-los créditos extraordinarios e suplementos de créditos, así como as incorporacións, ampliacións, transferencias e demais modificacións dos créditos presupostarios iniciais.
- Analiza-la utilización dos recursos dispoñibles atendendo ó menor custo na realización do gasto e formula-las propostas tendentes a mellora-los servicios prestados polo sector público de Galicia.
- Fiscaliza-lo grao de cumprimento dos obxectivos propostos nos diversos programas presupostarios e nas memorias de subvencións, créditos e axudas e dos avales, e indicar, se é o caso, as causas de incumprimento.
- Emitir dictames e consultas en materia de contabilidade pública e de xestión económico-financeira das institucións e dos entes públicos galegos.
- Aquelas que se relacionen co mellor exercicio da función fiscalizadora, así como as que no futuro se lle encomenden.
- Axuizamento.
- Se no exercicio da súa función fiscalizadora o Consello de Contas advertise a existencia de indicios de responsabilidade contable, daralle traslado das actuacións ó Tribunal de Contas para os oportunos efectos do seu axuizamento.
- Así mesmo, nesta materia de axuizamento contable, realizará tóda-las funcións que lle delegue o Tribunal de Contas, que serán desenvolvidas conforme os termos da dita delegación, de acordo co prevido na Lei orgánica 2/1982, do 12 de maio, e na Lei 7/1988, do 5 de abril.
- Réxime interior.
- Correspóndelle ó Consello de Contas a competencia en todo o concernente ó goberno e réxime interior e do persoal ó seu servicio, no marco das normas que rexen a función pública da Comunidade Autónoma de Galicia e, en todo caso, con suxeición ás de xeral aplicación para o Estado de forma subsidiaria, en canto non estea regulado por aquelas.
- Deberá elabora-lo seu proxecto de presuposto, que se integrará nos xerais da Comunidade Autónoma, nunha sección específica diferenciada, para que sexa sometido á aprobación do Parlamento de Galicia.
TÍTULO II Organización e funcionamento
CAPÍTULO I ORGANIZACIÓN
Art. 5. Órganos.
Son órganos do Consello de Contas:
- O Pleno.
- O conselleiro maior.
- A Comisión de Goberno.
- As seccións.
- A Secretaría Xeral.
Art. 6. O Pleno.
- O Pleno estará integrado por cinco conselleiros, un dos cales será o conselleiro maior. Estará asistido polo secretario xeral, con voz pero sen voto.
- Quedará validamente constituído, unha vez convocado, cando estean presentes cando menos tres conselleiros, e os seus acordos serán adoptados pola maioría dos asistentes.
- Así mesmo, declararase constituído validamente o Pleno, sen necesidade de convocatoria previa ou sen o cumprimento da totalidade dos requisitos esixidos, cando estean presentes a totalidade dos seus membros e o acorden por unanimidade. Neste caso, a orde do día fixarase por acordo unánime antes do inicio da sesión.
Art. 7. Funcionamento.
- As sesións plenarias do Consello poden ser:
- Ordinarias.
- Extraordinarias.
- Extraordinarias de carácter urxente.
1.1.- Son ordinarias aquelas nas que se preestablece a súa periodicidade por acordo plenario.
1.2.- Son extraordinarias aquelas que convoque o conselleiro maior por iniciativa propia ou a solicitude de dous membros como mínimo. Entre a solicitude e a convocatoria non debe mediar un prazo superior ós catro días hábiles e debe celebrarse dentro dos catro días seguintes.
1.3.- Son extraordinarias de carácter urxente as convocadas polo conselleiro maior a iniciativa ou a pedimento de polo menos dous conselleiros cando a importancia e a urxencia dos asuntos que hai que debater e resolver esixen que entre a convocatoria e a celebración da sesión non medie un prazo superior ás vintecatro horas.
- A orde do día das reunións fixaraa o conselleiro maior e estará á disposición dos conselleiros polo menos catro días antes das datas fixadas para a sesión do Pleno.
- Calquera dos conselleiros poderá solicitar do conselleiro maior a inclusión na orde do día dalgunha cuestión que sexa competencia do Pleno e estime de interese o seu debate.
- A inclusión da cuestión solicitada levarase a cabo na primeira reunión que se celebre, sempre que fose formulada antes da data de convocatoria da sesión. No caso contrario deberá incluírse na orde do día do próximo Pleno ordinario ou extraordinario, se se considera de urxencia.
- Tamén poderá incluírse calquera outro asunto na orde do día, por consideralo de urxencia ou de interese especial, sempre que estean presentes tódolos membros do Pleno e así o acorden co voto favorable da maioría.
- As deliberacións do Pleno terán carácter reservado, e os asistentes e cantos puidesen coñecelas por razón das súas funcións no Consello deberán gardar segredo das mesmas.
- Os conselleiros non poderán facer declaracións ou manifestacións públicas valorativas sobre materias ou cuestións concretas que estean conceptuadas como reservadas e directamente relacionadas coas mesmas.
- A asistencia ás reunións, convocadas regulamentariamente, é obrigada para os conselleiros, salvo que por causa debidamente xustificada algún non puidese concorrer e se escusase oportunamente.
- Os conselleiros que asisten ás deliberacións do Pleno poden facer consta-la súa opinión discrepante coa decisión adoptada, así como coa fundamentación do acordo, mediante un voto particular. A intención de formular un voto particular hase de expresar cando o Pleno adopte a decisión e farase constar na acta da sesión.
- O voto particular anunciado formalizarase a través dun escrito presentado na Secretaría Xeral no prazo de sete días, contados desde o seguinte hábil á celebración da sesión. O referido voto incorporarase á resolución que se adopte e publicarase con aquela.
- De cada sesión o secretario xeral estenderá unha acta, na que fará consta-las persoas asistentes, o lugar e a data, os puntos ou as cuestións tratados e os acordos adoptados, así como, se é o caso, o resultado das votacións celebradas, coa indicación de quen votou nun ou noutro sentido.
- Cando algún dos conselleiros presentes desexe que figuren na acta manifestacións que espuxo durante a sesión, farase constar expresamente e nos seguintes tres días hábiles poderá entregar un escrito na Secretaría Xeral onde se recollan tales manifestacións para que sexan incorporadas ó texto da acta que deba estenderse.
- As actas deben ser subscritas polo secretario xeral, co visto e prace do conselleiro maior, e serán aprobadas na mesma sesión ou na seguinte que se celebre.
Art. 8. Funcións do Pleno.
Correspóndelle ó Pleno:
- Exerce-la función fiscalizadora de acordo co disposto na lei e neste regulamento.
- Adoptar tódalas disposicións que sexan necesarias para cumpri-los fins que a lei e o regulamento lle encomendan ó Consello de Contas.
- Aproba-lo proxecto de Regulamento de réxime interior para o seu posterior sometemento ó Parlamento de Galicia.
- Aproba-lo proxecto de presuposto.
- Propo-lo nomeamento dun dos seus membros para o cargo de conselleiro maior.
- Designa-los presidentes das seccións.
- Adscribi-los conselleiros as áreas correspondentes.
- Aproba-la creación de comisións de seguimento en materias e asuntos concretos.
- Nomear e revogar, se é o caso, o secretario xeral.
- Aproba-lo plan anual de traballo do Consello, así como a memoria anual de actividades e a relación de postos de traballo.
- Aprobar tódolos informes, memorias, propostas, dictames e consultas que formulen os órganos competentes do Consello.
- Adopta-los posibles acordos relacionados co Tribunal de Contas e, se é o caso, cos órganos de control externo da Comunidade Económica Europea. A súa execución correspóndelle ó conselleiro maior.
- Resolve-los conflictos de atribucións e as cuestións de competencia entre os seus diversos órganos.
- Expor e resolver, se é o caso, os conflictos que poidan afectar as competencias e atribucións do Consello.
- Decidi-las actuacións que se han de seguir no procedemento ó que se refire o número 1 do artigo 5 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, nos termos que se establezan.
Art. 9. O conselleiro maior.
- O conselleiro maior será nomeado por un período de tres anos polo presidente da Xunta, por proposta do Pleno do Consello de entre os seus membros, e poderá ser reelixido.
- O conselleiro maior cesará no seu cargo por expiración do período do seu mandato, por renuncia, por invalidez permanente que o incapacite para o exercicio do seu cargo ou cando perda a condición de conselleiro.
- O conselleiro maior será substituído provisionalmente en caso de ausencia e enfermidade, así como no suposto de vacante, polo conselleiro de maior antigüidade de entre os que integran a Comisión de Goberno. No caso de empate recaerá no de maior idade.
- Correspóndenlle as seguintes atribucións:
- Representa-lo Consello de Contas.
- Convocar e presidi-lo Pleno e a Comisión de Goberno, así como decidir co seu voto de calidade en caso de empate.
- Fixa-la orde do día dos órganos colexiados e velar pola execución dos seus acordos.
- Te-la xefatura superior do persoal, exercendo así mesmo a inspección dos servicios propios do Consello de Contas, asegura-la coordinación, a eficacia e o bo funcionamento dos mesmos e adoptalas medidas que se estimen necesarias para iso.
- Logo de autorización da Comisión de Goberno, dispo-los gastos propios do Consello, de acordo co presuposto aprobado, así como ordena-los pagamentos correspondentes e autoriza-los documentos que formalicen os ingresos.
- Autoriza-la adquisición de bens e a contratación de obras, servicios, subministracións e outras prestacións necesarias para o bo funcionamento do Consello, de conformidade co procedemento establecido e cos límites que a Comisión de Goberno acorde no seu caso, sen prexuízo da súa posible delegación.
- Autorizar coa súa sinatura as comunicacións, memorias e dictames do Consello, así como as actas e certificacións expedidas pola Secretaría Xeral.
- Executa-los acordos que o Pleno adopte co Tribunal de Contas e cos órganos de control externo da Comunidade Económica Europea.
- Emitirlle informe oral ó Parlamento sobre as materias que son competencia do Consello.
- Comunicarlles ó Parlamento e ó presidente da Xunta de Galicia con dous meses de antelación a finalización do período para o que foi nomeado conselleiro maior.
- Comunicarlle ó Parlamento a vacante ou as vacantes que se puidesen producir por calquera circunstancia dalgún conselleiro con dous meses de antelación sobre o cumprimento do prazo regulamentario para a renovación dos mesmos.
- Así mesmo, darlle conta ó Parlamento dos acordos do Pleno relativos a incompatibilidades ou responsabilidades en que poidan incorre-los conselleiros.
- Informar públicamente das actividades reservadas do Consello, cando así o acorde o Pleno expresamente.
- As propias do Consello, en caso de urxencia, que non admita a convocatoria do mesmo, ó que se lle dará conta do resolto para ratificación, se así procede.
- As demais que lle atribúen expresamente as leis e aquelas que a lexislación da Comunidade Autónoma Europea e o Estatuto da Comunidade Autónoma lle asignen ó Consello de Contas e non llelas atribúan a outros órganos do Consello.
- O conselleiro maior informará ante a Comisión do Parlamento de Galicia tanto da xestión realizada no exercicio precedente coma das previsións para o exercicio seguinte, polo menos o primeiro e segundo semestre de cada ano respectivamente.
Art. 10. A Comisión de Goberno.
- AComisión de Goberno está constituída polo conselleiro maior e os conselleiros presidentes das seccións, asistidos polo secretario xeral.
- Correspóndelle á Comisión de Goberno:
- Distribuí-los asuntos entre as seccións.
- Establecer el régimen de trabajo del personal.
- Distribuí-lo cadro de persoal do Consello entre os seus órganos.
- EstEstablece-las bases e exerce-las funcións relativas ó nomeamento e á contratación do persoal, goberno e administración, en xeral.
- Exerce-la potestade disciplinaria respecto do persoal, de acordo coas normas de réxime interior.
- Convoca-las probas selectivas para a admisión de persoal.
- Nomea-los delegados instructores.
- Autoriza-los expedientes de gasto, dispo-los créditos e recoñece-las obrigas, cando a súa contía exceda dos límites autorizados ó conselleiro maior.
- As outras facultades que o Pleno lle delegue, para a maior eficacia no exercicio das funcións propias do Consello.
Art. 11. Funcionamento.
- A Comisión de Goberno reunirase ordinariamente os días e as horas que sexan fixados con carácter xeral, logo de convocatoria transmitida a través de calquera medio de comunicación.
- Tamén se reunirá sempre que o dispoña o conselleiro maior ou o solicite un dos conselleiros que a integran.
Art. 12. Acordos.
- A Comisión de Goberno non pode adoptar acordos se non están presentes a maioría dos seus membros.
- Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, os seus membros serán substituídos por acordo do Pleno.
Art. 13. Orde do día.
Ó iniciarse a sesión, o conselleiro maior fixará a orde do día e incluirá nela tódalas cuestións propostas por cada un dos seus compoñentes, sempre que sexan da súa competencia.
Art. 14. Actas.
Ás actas da Comisión de Goberno aplicaránselle-las mesmas normas que para as de sesións do Pleno.
Art. 15. Fiscalización económica.
Daráselle conta ó interventor de tódolos actos e acordos dos cales se poidan derivar dereitos e obrigas de contido económico ou movemento de fondos, na forma establecida pola lei.
Art. 16. As seccións.
- As seccións de Fiscalización e Axuizamento, como órganos de goberno do Consello de Contas de Galicia, están integradas polos presidentes respectivos e polos conselleiros que ás mesmas adscriba o Pleno. Os presidentes serán designados polo Pleno por un período de tres anos e poderán ser reelixidos.
- Os presidentes das seccións serán substituídos nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade polo conselleiro máis antigo da sección ou, de non o haber, polo de máis idade.
- En todo o referente a convocatorias, orde do día das seccións e validez dos acordos dos seus plenos haberá que aterse ás normas especialmente establecidas para cada unha délas, e na falta destas rexerán as correspondentes ó Pleno do Consello antes expresadas.
- Correspóndelle ó presidente de cada Sección:
- Se-lo voceiro da Sección perante o Pleno e a Comisión de Goberno, salvo que se trate de votos particulares, que deberán ser defendidos polo propio conselleiro que os formulase.
- Procurar que os acordos e as resolucións manteñan unha liña de homoxeneidade e coordinación, velando polo seu debido cumprimento.
- Calquera outra competencia que a lexislación lle encomende.
Art. 17. Sección de Fiscalización.
- A Sección de Fiscalización organizarase en departamentos sectoriais, á fronte dos cales estará un conselleiro.
- A duración da adscrición dos conselleiros a cada departamento sectorial será fixada polo Pleno do Consello.
- O persoal adscrito a cada departamento dependerá funcionalmente do conselleiro, quen, sen prexuízo da necesaria coordinación coas restantes áreas e da suxeición ás normas xerais de traballo establecidas pola Comisión do Goberno, organizará as tarefas na forma que estime conveniente.
- Correspóndelle á Sección de Fiscalización:
- A verificación da contabilidade das entidades do sector público da Comunidade Autónoma e o exame e a comprobación das súas contas, velando pola súa adecuación ó ordenamento xurídico e os principios de racionalidade, eficacia e economía os que se refire o artigo 4 deste regulamento.
- Examinar e aproba-los procedementos fiscalizadores tramitados nos distintos departamentos en que a mesma se estructura.
- Proporlle ó Pleno do Consello as medidas, informes, mocións, notas ou cuestións que corresponda elevarlle ó Parlamento de Galicia, así como a imposición de sancións para os casos de incumprimento do deber de colaboración ó que se refire o artigo 23 da Lei 6/1985, do 24 de xuño.
- Someter ó Pleno do Consello o plan de traballo anual correspondente ós distintos departamentos sectoriais comprendidos na Sección.
- As restantes funcións que lle poidan ser atribuidas pola lexislación vixente.
Art. 18. Sección de Axuizamento.
Correspóndelle a esta Sección:
- Dar traslado das actuacións oportunas nos casos en que se poñan de manifesto as circunstancias ás que se refiren os artigos 5.1 da Lei 6/1985 e 2.2 deste regulamento.
- Asumir por delegación do Tribunal de Contas as funcións que lle asigne e practicar cantas dilixencias e comprobacións lle solicite o mesmo.
- Exerce-la facultade sancionadora no marco destas normas.
- As restantes funcións que lle atribúa a lexislación vixente.
Art. 19. Compatibilidade de actuacións.
As actuacións en materia de axuizamento contable son compatibles coas que practique a Administración pública competente por razón dos contadantes e independentes das que poidan exercitalos xuíces e os tribunais de Xusticia.
Art. 20. Da Secretaría Xeral.
- O secretario xeral será nomeado e destituído libremente polo Pleno do Consello de Contas.
- O secretario xeral terá para tódolos efectos a categoría de director xeral e estará afectado polas mesmas causas de incompatibilidade sinaladas para os altos cargos da Administración, e corresponderalle ó Pleno do Consello coñecelas e toma-los acordos que procedan.
- Así mesmo, non poderá te-la condición de contadante nos termos establecidos no artigo 26 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas.
Art. 21. Atribucións do secretario xeral.
Correspóndelle ó secretario xeral:
- Asistir con voz, pero sen voto, as sesións do Pleno e da Comisión de Goberno.
- Prestarlles asesoramento ó Consello e os seus órganos nas cuestións que se lle demanden.
- Velar especialmente pola redacción das actas das sesións do Pleno e da Comisión de Goberno e certificalas, co visto e prace do conselleiro maior.
- Tramita-las convocatorias para as reunións do Pleno e da Comisión de Goberno.
- Prepara-la orde do día das convocatorias, de acordo coas instruccións do conselleiro maior.
- Expedir certificacións das actas, dos acordos e dos documentos confiados á súa custodia, co visto e prace do conselleiro maior.
- Forma-lo anteproxecto de presuposto e o proxecto de memoria anual, que se deben someter ó Pleno.
- Custodia-lo Rexistro Xeral e a documentación do Consello e dispo-los servicios de arquivo e biblioteca.
- Controlar ou verifica-la acreditación dos que actúan por representación.
- Exercer, por delegación do conselleiro maior, a xefatura superior do persoal do Consello e propo-la súa adscrición ós distintos servicios.
- Vixia-la asistencia do persoal ó Consello e o desenvolvemento do seu traballo.
- Actuar como instructor nos expedientes que se inicien por motivo de faltas cometidas polo persoal do Consello e elevarlle á Comisión de Goberno a proposta correspondente.
- A supervisión da contabilidade e da xestión económica e presupostaria do Consello.
- Aquelas que se relacionen co réxime interior do Consello e as que lle confíen expresamente o Consello e o conselleiro maior.
Art. 22. Substitucións.
Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade, o secretario xeral será substituído polo membro do persoal do Consello que acorde a Comisión de Goberno.
Art. 23. Interventor.
O conselleiro maior poderá nomear e revogar libremente o interventor, que actuará con independencia no cumprimento das súas funcións de fiscalización e con dependencia orgánica da Secretaría Xeral.
Art. 24. Atribucións do interventor.
Correspóndelle ó interventor:
- A fiscalización de tódolos actos de contido económico e de movemento de fondos realizados polo Consello.
- Asisti-lo secretario xeral na elaboración do anteproxecto do presuposto.
- Dirixi-lo rexistro contable das operacións do Consello.
- Formalizar e tramita-los expedientes de gasto.
- O control da tesourería.
- Prepara-la rendición das contas propias do Consello e os expedientes de modificación presupostaria.
- A xestión patrimonial dos bens, servicios e instalacións.
- En xeral, todas aquelas actuacións propias da xestión económica e presupostaria do Consello.
Art. 25. Letrado maior.
Igualmente, baixo a dependencia orgánica do secretario xeral, existirá un letrado maior, ó que lle corresponderán as seguintes funcións::
- Documentar e asesorar xuridicamente as funcións do Consello que así o requiran.
- Apoia-la Secretaría Xeral en materias da súa competencia.
- Asistir xuridicamente os equipos de auditoría.
- Actuar nos procedementos xurisdiccionais que lle afecten ó Consello e nos referidos no artigo 2.2 deste regulamento.
- Calquera outra función que lle encomende o Consello.
CAPÍTULO II FUNCIONAMENTO
Art. 26. Dos conselleiros.
- Os conselleiros, en número de cinco, son designados polo Parlamento mediante votación por maioría das tres quintas partes, para un período de seis anos. Se se producisen vacantes, estas cubriranse de acordo co establecido anteriormente e polo tempo que reste de mandato.
- Os conselleiros serán renovados cada tres anos por tres e dúas quintas partes sucesivamente, e poderán ser reelexidos.
- Os conselleiros de contas serán independentes e inamovibles e serán elixidos entre conselleiros do Tribunal de Contas, auditores de contas, maxistrados, fiscais, funcionarios públicos pertencentes a corpos que esixan a titulación académica superior e entre licenciados en dereito, en ciencias económicas, en ciencias empresariais e intendentes mercantís de recoñecida competencia con máis de doce anos de exercicio profesional.
- Non poderán ser designados conselleiros de contas os que nos dous anos anteriores estivesen comprendidos nalgún dos supostos que se citan a continuación:
- As autoridades ou os funcionarios que teñen ó seu cargo a xestión, inspección ou intervención dos ingresos e gastos do sector público de Galicia.
- Os presidentes, directores e membros dos consellos de administración de organismos autónomos e das empresas integradas no sector público de Galicia.
- Os particulares que, excepcionalmente, administren, recaden ou custodien fondos ou valores públicos.
- Os perceptores das subvencións con cargo a fondos público
- Calquera outra persoa que teña a condición de contadante ante o Consello de Contas.
- Os beneficiarios de avales ou exencións fiscais directas e persoais concedidas por calquera dos entes indicados no artigo 3 deste regulamento.
Art. 27. Incompatibilidades.
- Os membros do Consello de Contas estarán suxeitos ás mesmas causas de incapacidade, incompatibilidade e prohibición establecidas para os xuíces na Lei orgánica do poder xudicial.
- A condición de membro do Consello de Contas é incompatible coa de:
- Deputado do Parlamento de Galicia ou de calquera outro Parlamento autonómico.
- Deputado do Congreso dos Deputados.
- Senador.
- Membro do Tribunal de Contas.
- Valedor do pobo.
- Defensor do pobo.
- Calquera cargo político ou administrativo do Estado, das comunidades autónomas e das entidades locais ou dos seus organismos autónomos e das empresas públicas, calquera que sexa a súa forma xurídica.
- Exercer funcións directivas ou executivas en partidos políticos, centrais sindicais, organizacións empresariais e colexios profesionais.
- Membro de calquera dos órganos asesores da Xunta de Galicia.
- Exerce-la súa profesión ou de calquera outra actividade remunerada.
- Non obstante, os conselleiros poderán ter, con carácter ocasional, e autorización do Parlamento, actividades de colaboración na docencia ou na investigación, sempre que sexan non remuneradas e non incidan nin interfiran no estricto cumprimento dos seus deberes nin comprometan a súa imparcialidade e independencia no exercicio do seu cargo.
- Así mesmo, poderán exerce-la administración do seu propio patrimonio, sempre que por razón do mesmo non teñan a condición de contadantes perante o Consello de Contas.
- Se a designación recaese nalgunha das persoas ás que se refire o apartado anterior, antes de tomar posesión, deberá renunciar ó seu cargo ou función.
Art. 28. Toma de posesión.
- O acto de toma de posesión do cargo de conselleiro de contas celebrarase na sede do Parlamento de Galicia e perante a súa Mesa.
- Expirado o mandato, continuarán no exercicio das súas funcións, con carácter de prórroga, ata que tomen posesión os novos conselleiros.
- A toma de posesión dos membros do Consello de Contas implicará a declaración, se é o caso, do interesado na situación de servicios especiais ou equivalentes na carreira ou no corpo de procedencia.
Art. 29. Declaración de incompatibilidade.
- Os conselleiros presentaranlle á Mesa do Parlamento, antes da súa toma de posesión, a declaración de non incompatibilidade nun prazo de quince días, que se contará desde a data da súa designación polo Pleno do Parlamento.
- Así mesmo, deberán comunicarlle ó Pleno do Consello se adquiren algunha causa de incompatibilidade durante o seu mandato de conselleiros. Corresponderalle ó conselleiro maior velar polo cumprimento destes requisitos e informar ó Pleno en caso de vulneración, para posterior coñecemento do Parlamento de Galicia.
Art. 30. Abstención e recusación.
Para os conselleiros rexen as causas de abstención e recusación seguintes:
- Ter interese persoal no asunto ou na empresa ou entidade interesadas, ou ter cuestión litixiosa pendente ou relación de servicio con algún interesado.
- Ter parentesco de consanguinidade ata o cuarto grao ou de afinidade ata o segundo grao con calquera dos contadantes ou administradores das entidades indicadas no artigo 3 deste regulamento.
- Ter amistade íntima ou inimistade manifesta con algunha das persoas sinaladas no apartado anterior.
Art. 31. Substitución por abstención.
O conselleiro afectado polas causas de abstención sinaladas deberá comunicarllo ó conselleiro maior, para que, despois da verificación pertinente, este lle propoña ó Pleno a designación doutro conselleiro que se faga cargo do procedemento correspondente.
Art. 32. Recusación.
Cando algún membro do Consello ou persoa interesada no procedemento suscitase a recusación dun conselleiro por concorrer nel algunha ou algunhas das causas enumeradas no artigo 30 deste regulamento e o conselleiro recusado admitise tal recusación diante do conselleiro maior, procederase na forma recollida no artigo anterior; pero se a recusación fose negada polo conselleiro afectado conselleiro maior, tra-las oportunas comprobacións, informará ó Pleno, que acordará o procedente nun prazo de dez días.
Art. 33.Responsabilidade.
Os conselleiros incorren en responsabilidade por incumprimento das obrigas que lles impon a lei a este regulamento.
En particular polos seguintes motivos:
- Cando de forma reiterada e sen xustificación deixen de asistir ás reunións do Pleno e, se é o caso, da Comisión de Goberno.
- Cando fagan manifestacións públicas que quebranten a prohibición á que se refire o artigo (6.9 e 10)* deste regulamento.
(*) Por erro na publicación do DOG onde di artigo 6.9 e 10 debe dicir artigo 7.6 e 7.
- No caso de que vulneren as incompatibilidades e causas de incapacidade sinaladas neste regulamento.
- Por non absterse nos casos que sexa procedente facelo, de acordo coas causas de abstención e recusación recollidas no artigo 30 deste regulamento.
- Cando non lle poñan de manifesto ó conselleiro maior as irregularidades cometidas polo persoal adscrito ós traballos que están baixo a súa dirección, sempre que délas tivesen o oportuno coñecemento.
Art. 34. Perda da condición.
- Os membros do Consello de Contas de Galicia perden a súa condición de tales polas seguintes causas:
- Por morte ou por renuncia presentada e debidamente aceptada polo Parlamento.
- Por extinción do mandato, ó expira-lo seu termo.
- Por incapacidade, declarada por decisión xudicial firme.
- Por inhabilitación para o exercicio dos dereitos políticos, declarada por decisión xudicial firme.
- Por condena en sentencia firme a causa de delicto.
- Por incumprimento das obrigas do cargo contidas nas normas deste regulamento.
- Por declaración de incompatibilidade.
- Atramitación do expediente de responsabilidade disciplinaria á que alude a alinea f) do punto anterior axustarase ó establecido para o procedemento sancionador nas disposicións correspondentes. O Pleno do Consello, no mesmo acordo de incoación do expediente ou por acordo independente adoptado por maioría dos seus membros de dereito, designará un conselleiro como instructor e tras aprobar, igualmente por maioría, a proposta correspondente, elevaralle as actuacións á Comisión parlamentaria, para os efectos de que emita dictame e lle someta ó Parlamento, que no seu día elixiu o conselleiro afectado, a decisión que proceda.
- Se a responsabilidade afectase a máis de un conselleiro, o Pleno remitiralle o expediente ó Parlamento, para os efectos da súa resolución.
- O Pleno do Consello poderá suspende-lo conselleiro ou conselleiros afectados no exercicio das súas funcións, como medida provisional e polo mesmo quorum establecido no punto anterior, no caso de procesamento por delicto doloso e mentres non recaia sentencia; ou polo tempo indispensable para resolver sobre a concorrencia das causas do cesamento, nos casos de incapacidade ou incompatibilidade; ou mentres dure a tramitación do expediente, por incumprimento grave dos deberes do cargo.
Art. 35. Persoal ó servicio do Consello.
O persoal ó servicio do Consello de Contas está constituído polas persoas vinculadas ó mesmo por unha relación de servicios profesionais e retribuídos, con cargo ás dotacións recollidas no seu propio presuposto.
Art. 36. Clasificación do persoal.
- O persoal ó que se refire o artigo anterior clasifícase en:
- Funcionarios.
- Persoal eventual.
- Persoal interino.
- Persoal laboral.
- O Consello de Contas terá respecto do seu persoal as mesmas competencias que posúa en cada momento a Administración da Comunidade Autónoma e exerceraas autónomamente a través dos seus propios órganos.
- Os auditores, técnicos de auditoría e axudantes de auditoría serán seleccionados por oposición, concurso ou concurso-oposición ou por calquera dos procedementos legáis de provisión de postos de traballo.
- O Consello de Contas disporá así mesmo do persoal técnico, administrativo, auxiliar e subalterno que sexa necesario para o desenvolvemento das súas funcións. O devandito persoal poderá proceder doutras administracións públicas ou ser seleccionado igualmente por oposición, concurso ou concurso-oposición.
Art. 37. Funcionarios.
Estarán ocupados por funcionarios de carreira os postos que así expresamente se indiquen na relación de postos de traballo aprobada polo Consello de Contas.
Art. 38. Interinos.
É persoal interino o que, por razóns de urxencia ou necesidade, ocupe prazas do cadro de persoal do Consello, mentres non se provexan por funcionarios.
Art. 39. Persoal en réxime laboral.
Poderase autoriza-la contratación de persoal en réxime laboral para o desempeño de postos de traballo que reúnan as características previstas na Lei da función pública galega. O devandito persoal rexerase polo disposto no Estatuto dos traballadores e nas súas disposicións complementarias.
Art. 40. Persoal eventual.
O persoal eventual so poderá exercer funcións de confianza e asesoramento especial dos membros do Consello e será designado por este. O seu cesamento producirase por decisión do Consello ou de forma automática ó finaliza-lo período para o que foron nomeados os conselleiros os que estivesen asignados.
Art. 41. Comisionados.
- O Consello de Contas poderá comisionar expertos, sexan ou non funcionarios, que teñan a titulación pertinente, co obxecto de inspeccionar, revisar e comprobar documentación, libros, metálico, valores, bens e existencias das entidades do sector público galego, ou para practica-la función prevista no apartado 1.2 do artigo 4 deste regulamento e, en xeral, para comproba-la realidade das operacións reflectidas nas súas contas e emiti-los informes correspondentes.
- Non pederán ser comisionados, ós que incorran nalgún dos supostos os que se refire o número 4 do artigo 26 deste regulamento.
Art. 42. Incompatibilidades.
- O desempeño dun posto de traballo no Consello de Contas será incompatible co desempeño dun segundo posto de traballo, cargo ou actividade no sector público da Comunidade, dentro do marco e coas excepcións previstas na Lei 53/1984, do 26 de decembro, sobre incompatibilidades do persoal ó servicio da Administración pública.
- Logo de informe favorable da Comisión de Goberno, poderá autorizarse con carácter temporal o exercicio de funcións docentes ou de investigación, sempre que iso non menoscabe ou impida o estricto cumprimento das súas obrigas ou comprometa a súa imparcialidade ou independencia.
TÍTULO III Garantías, normas e procedementos para asegura-la rendición de contas
CAPÍTULO I DEBER DE COLABORACIÓN
Art. 43. Obrigación de colaborar.
- Tódalas entidades ás que se refire o artigo 3 do presente regulamento colaborarán co Consello de Contas no exercicio das súas funcións e estarán obrigadas a subministrarlle cantos datos, estados, documentos, antecedentes ou informes lles solicite.
- Cando a normativa vixente estableza a obrigatoriedade de auditoría de contas para determinadas entidades do sector público, proporcionaráselle o correspondente informe ó Consello.
- O incumprimento dos requirimentos do Consello poderá supola aplicación das sancións legalmente establecidas.
- Se os requirimentos se refiren á reclamación de xustificantes de investimentos ou gastos públicos e non son cumpridos no prazo solicitado, iniciarase de oficio o oportuno expediente de reintegro.
- O Consello de Contas poñerá en coñecemento do Parlamento de Galicia a falta de colaboración dos obrigados a prestala.
- Trasladaranse ó Consello de Contas as auditorías practicadas polos servicios competentes da Administración autonómica ou baixo a dirección da Xunta de Galicia.
Art. 44. Iniciativa.
- Os procedementos para o exercicio da función fiscalizadora impulsaranse de oficio en tódolos seus trámites.
- A iniciativa correspóndelles ó propio Consello e ó Parlamento de Galicia.
- Os requirimentos de inhibición feitos ó Consello de Contas non producirán a suspensión do respectivo procedemento.
Art. 45. Documentación.
Cando teñan entrada no Consello as contas, os contratos, os concertos, os avales, as subvencións, as auditorías e outros documentos contables rendidos polos contadantes correspondentes, coa periodicidade e nos termos establecidos na lexislación vixente e neste regulamento, o secretario xeral trasladarallos á Sección de Fiscalización, que os examinará para comprobar que se recibiron con tódolos requisitos legalmente esixibles. No caso de observarse omisións, e sen prexuízo de acusa-la recepción dos mesmos, reclamarase dos organismos competentes os datos ou a documentación que hai que cubrir, para o que disporán dun prazo de quince días; transcorrido este sen que o requirimento fose atendido, a Sección de Fiscalización daralle conta á Comisión de Goberno para que esta á súa vez informe ó Pleno e adopte as medidas que correspondan para a súa resolución.
Art. 46. Morosos.
Cumpridos os prazos previstos, o secretario xeral fará unha relación dos entes que non remitisen as contas dentro dos mesmos, requiríndoos para que cumpran a súa obriga no termo de quince días. Se nese prazo non se atendese o requirimento terase en conta o disposto no artigo 43.2 deste regulamento.
Art. 47. Documentación ó dispor do Consello
Nas contas que se lle rendan ó Consello poderán deixarse de remitir tódolos documentos xustificativos das correspondentes partidas. Nestes casos, á documentación preceptiva unirase certificación expedida baixo a responsabilidade do contadante, indicarase que os xustificantes se encontran ó dispor do Consello e expresarase igualmente na devandita certificación un inventario exhaustivo dos mesmos, na que se detallen, ademais, as causas que xustifican a posible ausencia dos que falten.
Art. 48. Prazo de presentación das contas.
As contas sometidas a exame e fiscalización terán que presentarse nos seguintes prazos:
- A conta xeral da Comunidade Autónoma prevista na Lei de xestión económica e financeira pública de Galicia, que se renderá por conducto da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, deberá estar en poder do Consello dentro dos dous meses seguintes á data da súa formación, acompañada das notas de defectos ou reparos que se producisen.
- As contas que teñan que remitirse ó Consello por outros conductos deberán estar en poder do mesmo nos prazos que determinen as disposicións de aplicación. Nos supostos en que non exista regulación legal expresa, deberán presentarse no Consello antes do 30 de xullo do exercicio seguinte ó de execución.
- As contas das entidades locais, dentro do fixado pola súa regulación legal específica.
- As contas parciais que lle remitan directamente ó Consello os contadantes enviaranse ó mesmo dentro dos quince días seguintes á terminación do período ó que se refiran.
- As contas dos perceptores ou beneficiarios de subvención ou outras axudas procedentes do sector público galego remitiranse ó Consello dentro do mes seguinte á data de aprobación das súas contas anuais.
- No suposto de que o órgano competente non aprobase as contas, estas deberán remitirse ó Consello de Contas acompañadas da acta que recolla as circunstancias que impediron o cumprimento daquel trámite.
Art. 49. Contadantes.
Serán contadantes das contas que se lle deban render ó Consello de Contas:
- As autoridades, os funcionarios e demais persoal das entidades do sector público galego que teñan ó seu cargo a xestión dos ingresos e gastos públicos, así como as demais operacións de administración.
- Os presidentes ou directores dos organismos autónomos e das empresas públicas a que se refire o artigo 3 deste regulamento.
- Os particulares que, excepcionalmente, administren, recaden ou custodien fondos ou valores da Comunidade Autónoma, sen prexuízo de que sexan intervidas as respectivas operacións.
- Os perceptores das subvencións correntes ás que se refire a vixente Lei de xestión económica e financeira pública de Galicia.
- Os responsables de calquera outra entidade, con ou sen personalidade xurídica, que reciban ou administren fondos da Administración pública de Galicia.
CAPÍTULO II FISCALIZACIÓN, MEMORIAANUAL E AXUIZAMENTO
Art. 50. Fiscalización.
ENo exame das contas tomaranse en consideración, como mínimo, os seguintes criterios:
- Adecuación das contas examinadas ós principios contables que lles sexan aplicables.
- Adecuación á legalidade vixente na xestión dos fondos públicos e especialmente se, contrastada a conta e os seus xustificantes, aparece ou non a legalidade dos ingresos e pagamentos realizados.
- Se nas contas e nos documentos examinados hai erros ou irregularidades que alteren os resultados debidos.
- Avaliación do grao de eficacia no logro dos obxectivos previstos.
- Avaliación da xestión dos recursos humanos, materiais e dos fondos presupostarios para comprobar que se desenvolveu de forma económica e eficiente.
Art. 51. Actuación complementaria.
Cando para formarse un xuízo adecuado acerca dalgún extremo sexan necesarios outros documentos, ademais dos achegados nas contas, ou se se estima necesaria a práctica de calquera outra dilixencia, haberá que aterse ó disposto no artigo 41 deste regulamento.
Art. 52. Notificación do inicio da actividade fiscalizadora.
O Consello de Contas notificaralles ós contadantes das entidades que vaian ser fiscalizadas nas súas propias dependencias o inicio da actividade cunha antelación mínima de cinco días hábiles.
Art. 53. Adscrición.
Os conselleiros son os titulares legáis para exerce-la función fiscalizadora correspondente ó departamento sectorial ó que fosen adscritos polo Pleno do Consello e da que serán responsables.
Art. 54. Dirección da actividade fiscalizadora.
- A fiscalización correspondente a cada departamento sectorial efectuarase baixo a dirección do conselleiro adscrito ó mesmo.
- Cando no exercicio da función fiscalizadora deba intervir máis de un conselleiro, porque lles corresponda analizar aspectos diferentes dun mesmo departamento sectorial, o Pleno da Sección decidirá a forma en que se levará a cabo a función fiscalizadora.
- En cada caso o Pleno da Sección adoptará as medidas de coordinación que procedan e informará diso á Comisión de Goberno.
Art. 55. Comprobación documental.
Os conselleiros, no exercicio da función fiscalizadora, examinarán e comprobarán as actividades de cada departamento sectorial e aplicarán os criterios fixados no artigo 50 deste regulamento mediante:
- O requirimento dos documentos que compoñen os expedientes de actos e contratos que orixinan efectos contables.
- A verificación da legalidade económico-financeira e contable das diferentes áreas funcionais e das súas unidades orgánicas.
- A comprobación dos acordos de gastos, contratos, concertos, subvencións e avales, que se realizará examinando os correspondentes expedientes administrativos, exame que poderá estenderse á materialización dos acordos.
- A fiscalización farase extensiva ás empresas privadas que gocen dos beneficios citados no apartado anterior e efectuarase mediante o exame dos documentos que xustifiquen a aplicación dos fondos asignados á finalidade para a que se lle outorgou o beneficio.
Art. 56. Instrumentación.
A comprobación de tódolos acordos de gasto, contratos, concertos, subvencións e avales pódese efectuar mediante:
- Exame dos expedientes administrativos que se achegan á rendición de contas na sede do Consello, as dependencias públicas ou intervencións que as tramitasen.
- Se se estima conveniente, e cando se trate de bens, subministracións e servicios, poderase examina-la súa materialización na localización física correspondente.
- Os mandatos de pagamento por xustificar poderán ser obxecto de comprobación nas propias intervencións.
Art. 57. Verificación da aplicación.
- A comprobación das subvencións, dos préstamos, dos avales e doutras axudas a empresas privadas por parte da Administración pública ou doutros entes do sector público galego poderá realizarse seguindo calquera dos procedementos establecidos nos apartados anteriores.
- Neste caso verificaranse os documentos que xustifiquen o desembolso dos fondos públicos por parte do ente público e a forma de realizalo.
- Verificarase así mesmo a recepción da axuda por parte da empresa beneficiara e comprobarase a aplicación dos fondos á finalidade para a que se lle outorga o beneficio, e tamén se comprobará se a empresa cumpre tódolos requisitos legais para facerse acredora do beneficio que se lle outorga.
Art. 58. Conclusión da fiscalización.
Concluída a fiscalización co alcance e contido establecidos na Lei do Consello de Contas e neste regulamento, actuarase do seguinte modo:
- Con anterioridade a que por parte do correspondente conselleiro se redacte o oportuno proxecto de informe, poñeránselles de manifesto as actuacións practicadas ós responsables do ente fiscalizado, para que nun prazo non superior a trinta días aleguen e presenten os documentos e as xustificacións que estimen pertinentes.
- Se en vista das alegacións e xustificacións presentadas, de acordo co establecido no número anterior, se acordasen outras comprobacións ou dilixencias, concederase nova audiencia nos termos e prazos que o Pleno da Sección determine.
Art. 59. Elaboración do informe.
Unha vez cumprido o que se establece nos apartados anteriores, os informes derivados da fiscalización realizada serán elaborados baixo a dirección do conselleiro responsable. Este informe constituirá a base da proposta que se lle elevará ó Pleno da Sección.
Art. 60. Proposta do informe.
O Pleno da Sección fará as observacións e conclusións que estime pertinentes, tanto se son diferentes coma complementarias. O conselleiro relator poderá recollelas e incorporalas ó seu informe, pero, se non se produce esta incorporación, o presidente da Sección deberá defendelas perante o Pleno do Consello na mesma sesión na que o conselleiro relator presente e defenda o seu informe, coa finalidade de que o Pleno do Consello tome o acordo que estime conveniente.
Art. 61. Tramitación.
No caso de non existir discrepancias diante do Pleno da Sección, o informe tramitarase e aprobarase complementado cos anexos correspondentes e elevarase ó Pleno do Consello.
Art. 62. Traslado do informe.
- Os resultados das fiscalizacións integraranse e concretaranse en memorias e informes que se elevarán ó Parlamento de Galicia, con remisión de copias á Xunta de Galicia e os órganos ou entidades afectados, á vez que serán publicados no Diario Oficial de Galicia.
- Cando os informes se refiran á xestión económica e financeira das corporacións locais, daráselles traslado, ademais de ó Parlamento de Galicia e ó Tribunal de Contas, as propias corporacións, a fin de que os seus respectivos plenos os coñezan e, se é o caso, adopten as medidas que procedan.
Art. 63. Memoria anual.
- O resultado da función de fiscalización do Consello de Contas farase constar por medio da memoria e do informe anual, dos informes de fiscalización selectiva ou das memorias ordinarias e extraordinarias, das mocións e das notas.
- A memoria anual de actividades comprenderá o programa de traballo que se vai realizar durante o ano presente e un balance das actividades realizadas durante o ano anterior. Á devandita memoria, clasificada por apartados, xuntaráselle a seguinte documentación:
- A declaración definitiva sobre o exame e a comprobación da conta xeral da Comunidade.
- O informe anual de fiscalización sobre a xestión económica do sector público da Comunidade.
- O informe de fiscalización da conta xeral das entidades locais.
- Un resume detallado dos informes de fiscalización selectivos ou das memorias ordinarias ou extraordinarias realizadas no anterior exercicio.
- O informe das actividades xurisdiccionais practicadas por vía de delegación do Tribunal de Contas.
- O anexo das contas do Consello de Contas coa súa correspondente liquidación.
- Conclusións xerais sobre a situación económica e financeira do sector público de Galicia.
- Para o cumprimento das actuacións referidas, o Consello de Contas disporá dun prazo de seis meses, contados desde a data na que se rendesen as contas xerais da Comunidade Autónoma.
- Nos anos sucesivos deberá porse de manifesto nas memorias anuais o grao de cumprimento das recomendacións efectuadas polo Consello en períodos anteriores.
- Os informes de fiscalización selectiva ou as memorias ordinarias ou extraordinarias son os instrumentos nos que se materializa o resultado dun procedemento fiscalizador tramitado a solicitude do Parlamento ou a iniciativa do propio Consello. Neste último suposto, o informe será ordinario se figura na programación anual de actividades, e extraordinario, cando o solicite o Pleno do Consello de Contas, sempre que, ó seu xuízo, a actividade que se vai fiscalizar reúna os requisitos de urxencia e de extraordinaria importancia.
- As mocións e notas dirixidas á autoridade, ós organismos ou ás entidades ós que afecte o resultado da fiscalización conterán, na primeira modalidade, propostas tendentes a modifica-la interpretación dunha norma ou regulamentación e, na segunda, recomendacións para revisar prácticas administrativas inadecuadas ou prexudiciais para o sector público que xestione a devandita entidade ou institución.
- En materia de contabilidade pública e de xestión económicofinanceira, a función de asesoramento que lle soliciten as institucións e os entes públicos galegos instrumentarase por medio de resolución de consultas ou dictames.
Art. 64. Contido da fiscalización.
- A fiscalización da xestión económica da Comunidade e do sector público galego comprenderá, entre outros, os seguintes extremos:
- Observancia da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia, das leis reguladoras dos ingresos e gastos do sector e das actividades económico-financeira e contable do mesmo.
- Cumprimento das previsións e da execución dos presupostos da Comunidade Autónoma, das entidades locais e demais entidades suxeitas á súa fiscalización.
- Racionalidade na execución do gasto público, baseado en criterios de eficacia e economía.
- Execución dos programas de actuación, investimentos e financiamento e demais plans ou previsións que rexan a actividade das empresas públicas e das empresas vinculadas á Comunidade Autónoma, así como o emprego ou a aplicación de subvencións con cargo ó presuposto da Comunidade Autónoma e das exencións fiscais directas e persoais concedidas.
- Nos informes ou nas memorias, o Consello de Contas:
- Proporá as medidas que se deban adoptar, se é o caso, para a mellora da xestión económico financeira do sector público de Galicia.
- Fará constar cantas infraccións, abusos ou prácticas irregulares se observasen, con indicación da responsabilidade en que, ó seu xuízo, se incorrese e das medidas para esixila.
- Avaliará conforme a criterios de racionalidade, eficiencia, eficacia e economía a actuación das administracións públicas.
Art. 65. Resultado do axuizamento.
A función de axuizamento contable realizarase nos supostos de delegación aprobados polo Tribunal de Contas e de acordo cos procedementos establecidos nas normas do órgano delegante. O seu resultado incorporarase á memoria anual por vía de informe.
Art. 66. Contido dos informes.
- Os informes deberán conter, se é o caso, un detalle completo das infraccións, dos abusos, ou das presuntas irregularidades que se observasen, con indicación da responsabilidade na que ó seu xuízo se incorrese.
- Se estas infraccións non producisen menoscabo de fondos públicos, faranse consta-las irregularidades e proporase a adopción de medidas oportunas para a súa corrección.
- Pola contra, se se comprobasen estas infraccións, o servicio instructor dos procedementos xurisdiccionais emitirá informe, logo de petición do Consello, para proceder segundo o estipulado no artigo 71 deste regulamento.
- Cando non se advertisen anomalías nin responsabilidades, farase constar así no informe.
Art. 67. Axuizamento.
- Se no exercicio da súa función fiscalizadora ou con motivo de denuncia pública fundamentada o Consello tivese coñecemento da existencia de feitos ou comportamentos que puidesen ser constitutivos de responsabilidade contable, a Comisión de Goberno porao en coñecemento do Pleno, o que os estudiará e resolverá se procede ou non o seu traslado á Sección de Axuizamento, coa finalidade de que esta practique a oportuna información, para os efectos de conseguir non só a ratificación dos mesmos, senón tamén a concreción das supostas responsabilidades contables e a achega de documentos e probas.
- O Pleno da referida Sección poderá a tal fin solicita-la colaboración da de Fiscalización, para a verificación de determinados aspectos concretos daquelas actuacións.
Art. 68. Traslado ó Consello.
Practicada a información á que se fixo referencia, o Pleno da Sección trasladará ó do Consello tódalas actuacións co informe correspondente.
Art. 69. Traslado ó Tribunal de Contas
Confirmadas as presuntas irregularidades e asumido polo Pleno o citado informe, non considerando que procede amplia-las actuacións levadas a cabo, este daralle traslado do mesmo ó Tribunal de Contas.
Art. 70.Comunicación das irregularidades ó Tribunal de Contas.
Comunicadas ó Tribunal de Contas as irregularidades a que se fixo referencia, e de producirse a delegación que prevén os artigos 26.3 da súa Lei orgánica 2/1982 e 2.2 deste regulamento, o Consello instruirá os procedementos xurisdiccionais para o axuizamento das responsabilidades contables en que puideron incorrer aqueles que teñen ó seu cargo o manexo de fondos públicos, seguindo para iso as normas establecidas polo xa citado Tribunal.
Art. 71. Iniciación do procedemento.
O conselleiro maior comunicaralle á Sección de Axuizamento que inicie o procedemento. Para tal efecto nomeará o instructor encargado do caso proposto polo Pleno daquela Sección, así como o equipo de auditoría que deba presta-la súa colaboración en función da área afectada pola responsabilidade contable.
Á súa vez, o instructor proporalle á Sección o nomeamento dun funcionario do Consello, que actuará de secretario.
Art. 72. Prazos.
Para levar a cabo as súas actuacións, o instructor disporá do prazo de dous meses. Transcorrido o mesmo e de non ter finalizado o seu traballo, poderalle solicita-la súa ampliación á Sección de Axuizamento por causa xustificada.
Art. 73. Proposta de resolución.
Unha vez completado o seu traballo, o instructor elaborará a proposta de resolución, que, unida ás actuacións de procedemento, lle elevará ó presidente da Sección de Axuizamento, o cal a someterá a coñecemento e resolución do Pleno desta Sección.
Art. 74. Elaboración do expediente.
Se o Pleno da Sección considera que non é preciso practicar ampliación de dilixencias, elevará a definitiva a proposta, a cal se trasladará ó conselleiro maior para que o Pleno do Consello poida á súa vez adopta-lo acordo que mellor estime.Na reunión do Pleno, o presidente da Sección de Axuizamento actuará de relator.
Art. 75. Resolución definitiva.
Adoptada polo Pleno do Consello de Contas a resolución definitiva, o conselleiro maior trasladaralla ó Tribunal de Contas, con todo o actuado, de acordo co estipulado no artigo 5 da Lei 6/1985, do 24 de xuño.
TÍTULO IV Relacións do Consello de Contas co Parlamento. As contas do Consello. Réxime económico e presupostario. Medios de constrinximento
CAPÍTULO I RELACIÓNS DO CONSELLO DE CONTAS CO PARLAMENTO
Art. 76. As contas do Parlamento.
Sen prexuízo do disposto na Lei de xestión económica e financiera pública de Galicia e en virtude do preceptuado no artigo 4 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do Consello de Contas, o Parlamento de Galicia remitiralle a este Consello e as súas contas xerais antes do 30 de xullo do ano seguinte ó do exercicio económico ó que correspondan, para a fiscalización das mesma
CAPÍTULO II AS CONTAS DO CONSELLO
Art. 77. Exame das contas.
O exame das contas do Consello de Contas correspóndelle ó Parlamento de Galicia, ó que se deberán trasladar con esta finalidade como anexo da memoria anual á que se refire ó artigo 63 deste regulamento.
Art. 78. Regulación do desenvolvemento.
As contas do Consello desenvolveranse de acordo cos apartados e conceptos recollidos na Lei de xestión económica e financeira pública de Galicia e demais disposicións sobre contabilidade pública que puidesen afectalo.
Art. 79. Elaboración da conta do Consello.
A elaboración da conta do Consello correspóndelle ó interventor, de acordo co recollido no artigo 24 deste regulamento, para ser sometida posteriormente á aprobación do Pleno, antes da súa remisión ó Parlamento.
Art. 80. Xustificantes.
Os xustificantes das contas permanecerán na sede do Consello ó dispor do Parlamento.
CAPÍTULO III RÉXIME ECONÓMICO E PRESUPOSTARIO
Art. 81. Proxecto de presuposto.
- De acordo co prevido no artigo 20 deste regulamento, o secretario xeral redactará o anteproxecto de presuposto do Consello antes do 1.° de xuño de cada ano e sometarallo ó Pleno para a súa aprobación.
- O secretario xeral achegaralle ó anteproxecto unha memoria explicativa e a liquidación do presuposto do exercicio anterior.
Art. 82. Integración do proxecto.
O proxecto do presuposto e a documentación anexa, unha vez aprobado polo Pleno do Consello, tramitaránselles á Consellería de Economía e Facenda dentro do prazo establecido para o efecto, para que sexa integrado no proxecto de presupostos xerais da Comunidade Autónoma.
Art. 83. Execución do presuposto.
- De acordo co artigo 10 deste regulamento, correspóndelle á Comisión de Goberno a autorización dos gastos, a disposición dos créditos e o recoñecemento das obrigas que lle corresponda asumir ó Consello. En todo caso, compételle ó conselleiro maior a ordenación dos pagamentos correspondentes.
- A Comisión de Goberno poderá delegar no conselleiro maior a autorización de gasto, ata unha determinada contía, así como a relativa a obrigacións de carácter fixo e periódico.
- A Comisión de Goberno tamén poderá acorda-lo libramento de cantidades por xustificar ó habilitado de material do Consello, para a adquisición de material de oficina non inventariable e gastos diversos de contía reducida, do que se renderá conta trimestralmente na forma que se estableza.
- A execución do presuposto que implique calquera modificación presupostaria será competencia do Pleno do Consello.
Art. 84. Libramento en firme.
- As dotacións presupostarias do Consello de Contas libraraas en firme e periódicamente a nome do mesmo a Consellería de Economía e Facenda, a medida que este o requira, e non estarán suxeitas a ningún tipo de xustificación perante o Goberno galego.
- Os documentos contables que se expidan para facer efectivas aquelas dotacións presupostarias a prol do Consello de Contas serán propostos e autorizados pola Consellería de Economía e Facenda.
Art. 85. Réxime de contabilidade.
O Consello de Contas, en aplicación do prevido na Lei de xestión económica e financeira pública de Galicia, está suxeito ó réxime de contabilidade pública, que se establecerá de forma independente e segregada da propia da Comunidade Autónoma, de acordo coas especificacións previstas neste regulamento.
CAPÍTULO IV MEDIOS DE CONSTRINXIMENTO
Art. 86. Facultades do Consello.
- Os medios de constrinximento que o Consello poderá empregar gradualmente para asegura-la rendición de contas e o mellor cumprimento das súas funcións son:
- O requirimento, entendéndose por tal a orde que comunique o Consello pola que se fixe o prazo para o cumprimento dun servicio.
- A imposición de multas coercitivas.
- A formación de oficio de conta retrasada e dos estados ou documentos que se pidan, a cargo e risco do constrinxido.
- En calquera caso, e sen prexuízo de deducir tanto de culpa por desobediencia para os efectos de instrucción do proceso penal, o Consello de Contas poderá proporlle á autoridade ou ó órgano competente do que dependa o contadante a apertura do procedemento sancionador.
Art. 87. Sancións.
- No caso de incumprimento dos requirimentos efectuados, o Consello de Contas poderá imporlles multas ata a contía de un mes dos seus haberes ós funcionarios e, para os particulares, ata a cantidade de 100.000 ptas., a primeira vez, e de ata dous meses ou de 500.000 ptas., respectivamente, en caso de reincidencia.
- Se o requirido ó pagamento fose persoal ó servicio das entidades ás que se refire o artigo 3 deste regulamento e non o fixese efectivo, ordenaráselle ó habilitado ou pagador que, baixo a súa responsabilidade, faga efectivo o importe da mesma, deducindo da primeira mensualidade que lle corresponda percibir ou das sucesivas, se excedese, na cantidade que legalmente poida ser descontada.
- Cando o constrinxido sexa un particular, o Consello, para a efectividade da multa, procederá ó seu cobramento en voluntaria, e, de non efectuarse o pagamento en vía executiva, aplicará as normas da Comunidade Autónoma que regulen a recadación dos seus tributos e, no seu defecto, as normas estatais. Para estes efectos, a correspondente certificación de descuberto expediraa o secretario xeral do Consello de Contas.
- De toda imposición de multa a altos cargos ou persoal das administracións autonómica, local ou corporativa, daráselle conta á autoridade da que dependen, e exporánselle as causas que determinasen o devandito medio de constrinximento para que, sen prexuízo da exacción da multa polo Consello de Contas, adopte aqueloutras medidas que estime convenientes.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
En todo o non regulado pola Lei 6/1985, do 24 de xuño, e por este regulamento, haberá que aterse ó disposto na Lei orgánica 2/1982, do 12 de maio, e na Lei 7/1988, do 5 de abril, reguladoras do funcionamento do Tribunal de Contas.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 1992.
O Presidente da Comisión Permanente non Lexislativa para Relacións co Consello de Contas
Pablo Egerique Martínez

