Premio "Carlos G. Otero Díaz"

​O Consello de Contas de Galicia, como órgano de control externo con competencias en materia de prevención da corrupción, ten grande interese en promover a investigación en materias relacionadas con esta competencia e en coñecer aquelas iniciativas de carácter científico que poidan contribuír á análise dos temas propios das súas funcións de colaborar coas administracións públicas na implantación de sistemas de prevención e de manuais de xestión de riscos de corrupción; de comprobar os sistemas de prevención que se poñan en marcha; de asesorar sobre os instrumentos normativos máis axeitados para previr a corrupción; e de fomentar na sociedade civil, e particularmente no ámbito empresarial, a transparencia e o comportamento ético nas súas relacións co sector público.

Unha das formas de contribuír a este obxectivo consiste en empregar instrumentos que incentiven a elaboración de traballos relacionados coa prevención da corrupción no sector público, nas súas diversas vertentes, como son os premios de investigación.

O artigo 5 bis da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia, establece que, en materia de prevención da corrupción, o Consello de Contas desempeña as seguintes competencias:

a) Colaborar coas administracións suxeitas ao ámbito de actuación do Consello de Contas e facerlles propostas na elaboración de códigos de conduta e manuais internos de xestión de riscos que permitan garantir o comportamento ético dos xestores públicos.

b) Solicitar información ás administracións relativas aos seus sistemas de prevención da corrupción, comprobando o axeitado deseño e implantación das políticas de integridade e propoñendo melloras que garantan a transparencia e reduzan as oportunidades de fraude. Neste sentido, deberá avaliar de xeito sistemático os plans de prevención de risco da corrupción que realicen as institucións e entes do sector público da Comunidade Autónoma, nos cales deberán analizar as actividades en que se constate unha maior incidencia de risco.

c) Asesorar o Parlamento, a Administración autonómica e as administracións suxeitas ao ámbito de actuación do Consello de Contas sobre os instrumentos normativos ou internos de prevención e represión da corrupción.

d) Fomentar a conciencia e participación cidadá a favor da transparencia e o comportamento ético no sector público e impulsar dentro do sector privado o establecemento de mecanismos de autorregulación co fin de evitar prácticas irregulares, en particular nas empresas licitadoras e adxudicatarias de contratos, concesionarias de servizos públicos e beneficiarias de subvencións e axudas públicas.

Por outra banda, o artigo 60.2 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia, aprobado o 23 de febreiro de 2017 pola Comisión permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas, prevé, que para o fomento da conciencia e participación cidadá a favor da transparencia e o comportamento ético no sector público, a Sección de Prevención da Corrupción promoverá estudos e actividades formativas en materia de prevención da corrupción.

Tendo en conta o anterior, o Pleno do Consello de Contas de Galicia, en sesión do 23 de setembro de 2019, creou o Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz, para promover a investigación en materias relacionadas coa prevención da corrupción nas administracións publicas e estableceu as bases reguladoras para a súa concesión (ver DOG) . Con data do 28 de maio de 2022 modificáronse as bases reguladoras (ver DOG), quedando o seu texto consolidado do seguinte xeito:

Texto consolidado bases reguladoras