Remisión ao Parlamento de Galicia da Memoria 2021 do Consello de Contas e dos informes de fiscalización de 2020

O Consello de Contas remitiu hoxe ao Parlamento de Galicia a súa memoria e as súas contas correspondentes ao ano 2021 e os seguintes informes que se atopan na páxina web da Institución:

Informes xerais:

  • Informe de fiscalización da Conta Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, exercicio 2020, que inclúe a Declaración definitiva sobre o seu exame e comprobación
  • Informe económico – financeiro das entidades instrumentais autonómicas, exercicio 2020
  • Informe de fiscalización da Conta Xeral do Servizo Galego de Saúde, exercicio 2020
  • Informe de fiscalización da Conta Xeral das Entidades Locais de Galicia, exercicio 2020
  • Informe de fiscalización dos Fondos Europeos, exercicio 2020
  • Informe de fiscalización dos Fondos de Compensación Interterritorial, exercicio 2020

Informes específicos:

  • Informe de fiscalización do destino dos recursos empregados no proxecto Life Rexenera Limia, exercicios 2016-2019
  • Informe de fiscalización sobre a aplicación e suficiencia dos ingresos do fondo COVID-19 para a xestión da pandemia na CA de Galicia, exercicio 2020
  • Informe de fiscalización de Taxas, Prezos Públicos e Outros Ingresos patrimoniais do Sergas, exercicios 2016-2018
  • Informe de fiscalización selectiva do Concello da Coruña, exercicio 2018
  • Informe de fiscalización selectiva do Concello de Curtis, exercicios 2010 a 2019

Memoria de actividades 2021

A memoria de actividades inclúe información sobre a actividade de fiscalización, de prevención da corrupción e consultiva, e recolle a información estatística sobre o seguimento das recomendacións efectuadas.

Declaración definitiva da Conta Xeral da Comunidade Autónoma 2020

O informe de fiscalización da Conta Xeral da Comunidade Autónoma contén a opinión sobre a representatividade xeral dos estados contables da Administración xeral, o Sergas e as demais entidades instrumentais autonómicas, declarando que dita conta reflicte razoablemente a actividade económico-financeira desenvolvida no exercicio 2020, presentando determinadas deficiencias e limitacións que se sinalan nos respectivos informes de fiscalización.

Informe de fiscalización da Conta Xeral das entidades locais 2020

O informe ten por obxecto basicamente:

  1.  Analizar o censo do sector público local de Galicia e o grao de cumprimento da obriga de rendición de contas ao Consello de Contas de Galicia, así como o grao de integridade e coherencia da información rendida, de maneira que refrexe a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira, da execución orzamentaria e do grao de cumprimento dos obxectivos programados.
  2. Examinar a situación económico-financeira do sector público local de Galicia así como a súa evolución temporal, e realizar unha análise particular das magnitudes de endebedamento.
  3. Ofrecer unha visión global sobre a situación económica do sector público local de Galicia (capacidade/necesidade de financiación, aforro bruto e neto).

As conclusións do informe en relación cos tres obxectivos básicos de auditoría son:

Das 360 entidades principais do Sector Público Local de Galicia (313 concellos, 4 Deputacións, 34 mancomunidades e 9 entidades locais menores) rinden contas ao Consello de Contas o 96,11%. Só 14 entidades locais non rendiron contas na data de peche do informe: 11 mancomunidades y 3 entidades locais menores.

O 100% dos Concellos e Deputacións Provinciais de Galicia rendiron contas en 2020 ao Consello de Contas de Galicia.

O 74,44% das entidades locais (268 entidades) presentaron as súas contas no prazo establecido na normativa (antes do 15 de outubro de 2021) , cifras que son peores que as obtidas no exercicio anterior no que se recibiron 286 contas en prazo. O 21,67% das entidades (78 entidades) presentan a súa conta xeral fóra de prazo.

Catorce entidades locais (3,89% do total) non tiñan presentado a súa Conta Xeral á data de peche deste informe (21 de abril do 2022). Desta cifra, 3 son entidades locais menores (Bembrive, Camposancos e Vilasobroso) e as 11 restantes mancomunidades (Augas de Rúa-Petín, Augas dos Concellos de Carnota e Muros, Comarca Compostela, Concellos Serra do Barbanza, Intermunicipal Voluntaria da Baixa Limia, Ribeira Sacra, Servicios Vertedoiro de Residuos Sólidos Urbanos de Pontevedra e Sanxenxo, Terras do Navea-Bibei, Vales do Ulla e Umia, Xallas-Tines-Tambre). Ademais, seguen pendentes de recibirse 11 contas xerais correspondentes ao exercicio 2019, 11 contas correspondentes ao exercicio 2018 e 12 contas xerais do exercicio 2017, con importantes niveis de reiteración no incumprimento.

Das entidades que non renden, 9 mancomunidades (Augas de Rúa-Petín, Augas dos Concellos de Carnota e Muros, Comarca de Compostela, Comarca de Fisterra, Intermunicipal Voluntaria da Baixa Limia, Ribeira Sacra, Servicios Vertedoiro de Residuos Sólidos Urbanos, Terras do Navea-Bibei e Xallas-Tines-Tambre) incumpren sistematicamente coa obriga de rendición da conta xeral, tendo pendentes as contas dos últimos catro exercicios. Outras 2 mancomunidades teñen pendente de remisión algún exercicio (a Mancomunidade Vales de Ulla e Umia os exercicios 2019 e 2020; Concellos Serra do Barbanza, exercicio 2020).

En relación co endebedamento financeiro por habitante,  comparado cos valores que presentan os sectores locais do resto de Comunidades Autónomas, o sector local de Galicia é o de menor endebedamento financeiro por habitante, e o segundo que máis rápido amortizaría esa débeda de manterse o actual nivel de aforro bruto, por detrás do sector local canario.

Entre as recomendacións do informe cabe destacar as seguintes:

  1. As entidades locais deben prestar maior atención á formación e tramitación da conta xeral dentro dos prazos establecidos pola normativa contable e orzamentaria, en especial no relativo á elaboración e aprobación do orzamento na súa condición de instrumento de planificación, deseño, debate e avaliación das políticas públicas.
  2. Como medida para o fomento do cumprimento da obriga de rendición de contas, e sen prexuízo das medidas que poda adoptar o Pleno do Consello de Contas de Galicia, recoméndase a modificación do Decreto 193/2011, de xeito que se condicione a concesión de subvencións financiadas integramente con fondos propios da Comunidade Autónoma ás entidades locais de Galicia a que estas estean ao día no deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais dos catro últimos exercicios, e a que estas inclúan toda a documentación obrigatoria.
  3. As entidades que presentan cifras negativas de aforro neto e remanente de tesourería deben adoptar medidas para garantir a sustentabilidade dos seus gastos correntes, sen necesidade de acudir a mecanismos excepcionais de financiamento, e,  aquelas entidades que acadando aforro neto positivo presentan, sen embargo, remanente de tesourería axustado negativo deben proceder con ese aforro ao pago das obrigas pendentes de pago, para non entrar en situación que comprometa a súa viabilidade.

Toda a información relativa á rendición de contas está dispoñible na web do Consello de Contas, na que se poñen a disposición dos usuarios a utilización de distintos filtros.

Informes específicos

Nos informes de carácter específico cabe destacar o informe de fiscalización sobre a aplicación e suficiencia dos ingresos do fondo COVID-19 para a xestión da pandemia na CA de Galicia, e no ámbito local, os Informes de fiscalización selectiva dos Concellos de Curtis (exercicios 2010 a 2019) e do Concello da Coruña (exercicio 2018), nos que se formula unha opinión sobre cumprimento da legalidade e conclusións sobre os resultados da fiscalización en relación coas principais áreas de xestión das entidades fiscalizadas, nomeadamente contratación, entorno de control interno e xestión orzamentaria e contabilidade.