Toma de posesión dos novos conselleiros do Consello de Contas

Hoxe tomaron posesión como conselleiros do Consello de Contas, perante a Mesa do Parlamento de Galicia, Constantino Carreiras Souto e Simón Rego Vilar, elixidos polo Parlamento de Galicia o pasado 12 de xullo de 2022. Ambos renovan no seu mandato por seis anos, sendo responsables respectivamente, das Áreas de fiscalización da Conta Xeral da Comunidade Autónoma e da de Corporacións Locais.

Constantino Carreiras (Vilalba, Lugo, 1961) é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e funcionario de carreira do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, onde ocupou distintos postos en xestión económico financeira. Dende 2005 é auditor do Consello de Contas e está inscrito como tal no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC). Foi conselleiro da Área de fiscalización da Conta Xeral dende 2016.

Nacido en Burela, Lugo, Simón Rego Vilar (1977) é funcionario de carreira da XLII Promoción do Corpo Superior de Administradores Civís do Estado, especialidade xurídica. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, posúe un Máster en Xestión Pública pola Universitat Pompeu Fabra-Universitat Autònoma de Barcelona-ESADE e é Especialista Universitario en Administración Local pola USC.

Ao longo da súa traxectoria profesional desempeñou diversos postos de traballo, nomeadamente vinculados á xestión de fondos europeos, tanto no ámbito da Administración Xeral do Estado (xefe de servizo de competencias na subdirección xeral de Asuntos Xurídicos da Secretaria de Estado para a Unión Europea do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, Xefe de Área da División de Consultoría e Asesoramento da Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Administracións Públicas), como na Xunta de Galicia (secretario do Organismo Pagador dos Fondos Europeos Agrícolas en Galicia, xerente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, así como na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).  Exerceu tamén responsabilidades no ámbito da administración local de Galicia, concretamente no departamento de xestión de recursos humanos do Concello da Coruña.

Dende xaneiro de 2021 é conselleiro do Consello de Contas, inicialmente na Área de Institucional, na actualidade é o responsable da Área de Corporacións Locais e o presidente da Sección de Fiscalización do Consello de Contas de Galicia.