Datos non dispoñibles temporalmente.
A rendición de contas é o acto administrativo mediante o que os responsables da xestión dos fondos públicos (contadantes) informan, xustifican e se responsabilizan da aplicación dos recursos postos á súa disposición nun exercicio económico.
O Estatuto de Autonomía de Galicia outorga ao Consello de Contas de Galicia as competencias para a fiscalización das contas do sector público da comunidade autónoma. Esta competencia implica a obriga das diferentes entidades que compoñen o referido sector público a render as súas contas a esta Institución.
Analízase a rendición ao Consello de Contas das contas anuais dun exercicio por parte das seguintes entidades sometidas a esta obriga:
- O Parlamento de Galicia.
- A Administración xeral e os seus entes dependentes:
- Entidades Públicas Instrumentais: Organismos Autónomos e Entidades de Consulta ou Asesoramento, Axencias Públicas Autonómicas, Entidades Públicas Empresariais, Consorcios Autonómicos
- Outras Entidades Instrumentais: Sociedades Mercantís Públicas Autonómicas, Fundacións
- As Universidades Públicas
- As Cámaras de Comercio, Confrarías de Pescadores e outras de natureza equivalente.
Tamén están sometidos á obriga de rendición anual de contas os entes que integran o sector público local, se ben quedan fóra do ámbito deste informe xa que a análise do cumprimento do deber de render contas inclúese no informe anual sobre o sector público local.
Segundo a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Administración autonómica formará anualmente a Conta Xeral da Comunidade, que abranguerá a totalidade das operacións económicas levadas a cabo durante o exercicio pola Administración e os seus entes dependentes. Porén, non todas as entidades controladas pola Administración autonómica integran os seus estados contables na Conta Xeral. Deste xeito, a rendición das contas ao Consello fíxose a través de dous medios:
- A Conta Xeral rendida por conduto da Intervención Xeral antes do 30 de setembro.
- As contas individuais das restantes entidades que son remitidas directamente por estas ao Consello de Contas, sendo o prazo límite de rendición o 30 de xullo.